Friday 03 de May de 2024

Sanidade explorou entre xaneiro de 20202 e setembro de 2021 a 5.245 mulleres do concello de Pontevedra no seu programa galego de Detección Precoz do Cáncro de Mama


― Máis de 201 delas foron remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para completar probas, que confirmaron en 30 casos un cancro de mama

― No Distrito Sanitario de O Salnés, este Programa explorou nese mesmo período a 8.237 mulleres e froito desa iniciativa preventiva detectáronse 20 patoloxías malignas
O Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama -xestionado pola Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación da Consellería de Sanidade- explorou entre xaneiro do pasado ano 2020 ata setembro deste ano 2021 a un total de 5.245 mulleres de 50 a 69 anos do Concello de Pontevedra -un 84% da poboación diana do programa-. Desta cifra, máis de 201 mulleres foron posteriormente remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para completar probas, que confirmaron en 30 casos un cancro de mama.

No que atinxe ao Distrito Sanitario de O Salnés, o Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama explorou entre xaneiro do pasado ano 2020 ata setembro do presente ano a un total de 8.237 mulleres -o 85% da poboación diana do programa nesta comarca- e froito desa iniciativa preventiva colaborouse a detectar un total de 20 patoloxías malignas entre mulleres arousás.

O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama, modernizou gradualmente a súa estrutura asistencial, cara a mellorar as taxas de participación das mulleres nesta iniciativa preventiva. Así, se crearon unidades fixas en hospitais comarcais da xeografía galega, o que permitiu avanzar no proceso de integración do programa no sistema asistencial, unha mellora da oferta dos hospitais comarcais cun novo servizo á súa poboación, a racionalización na utilización de recursos e a mellora na calidade asistencial percibida polas mulleres.

Infraestrutura do Programa na provincia
A infraestrutura asistencial do Programa na provincia de Pontevedra conta con unidades de exploración no centro de saúde de A Parda en Pontevedra, no Hospital do Salnés en Vilagarcía de Arousa e no Hospital do Meixoeiro en Vigo, onde se realizan as probas mamográficas. Tamén contan coas unidades de avaliación radiolóxica, que centralizan a lectura das mamografías e, por último, as unidades de diagnóstico e tratamento, que están integradas polas consultas de Cirurxía e/ou Xinecoloxía dos hospitais públicos da rede do SERGAS.

A lectura das mamografías está centralizada nas unidades de avaliación radiolóxica, formadas por especialistas que pertencen aos Servizos de Radioloxía dos Complexos Hospitalarios Universitarios de Pontevedra e A Coruña. Así mesmo, tamén funciona unha unidade de avaliación radiolóxica dependente do Servizo de Radioloxía do Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo.

A alta calidade da avaliación radiolóxica garántese pola experiencia dos radiólogos na lectura destas probas e porque as mamografías de cada muller as léen dous radiólogos de xeito independente, co que se asegura a máis correcta interpretación das imaxes radiolóxicas.

Os principais obxectivos do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama buscan primordialmente a redución nun 25% da mortalidade por esta doenza nas mulleres. Así mesmo, cada ano preténdese acadar unha participación cercana ao 70% das mulleres que se citan, asegurar a estrutura axeitada para o seguimento das mulleres que deron positivo na proba e continuar a elaboración e mantemento do sistema de información deste Programa.

Relevancia do diagnóstico precoz
A Consellería de Sanidade incide na relevancia dun diagnóstico precoz, xa que aumenta ata o 90% as posibilidades de curación, porcentaxe que sobrepasa o 95% cando o diagnóstico se realiza antes de que se faga invasivo.

A citación das mulleres na provincia de Pontevedra é persoal e por Concellos, cara a garantir a periodicidade de dous anos do cribado en cada municipio. Dita citación envíase por carta de dez a quince días antes da cita, e nela, especifícase o lugar, día e hora en que se debe acudir á realización da proba mamográfica. Na mesma carta, facilítase un número de teléfono -o 981.14.14.14- ao que se poden dirixir ás usuarias para se informar sobre cambios de domicilio, solicitar información, ou realizar cambios de cita.

Se a proba resulta negativa, as mulleres reciben o resultado por carta personalizada, recomendándolles seguir no Programa de Cribado e convidándoas a repetir o estudo ao cabo de dous anos. No caso de que sexa necesario realizar máis probas para chegar a un diagnóstico, infórmase á muller por carta certificada e con xustificante de recepción. Nesa misiva, facilítaselles unha cita para seren atendidas nunha unidade hospitalaria de diagnóstico e tratamento e un teléfono de atención directa.